Sunday 05 de May de 2024

Feijóo anuncia que o valor de mercado para inmobles urbanos se rebaixará un 12%,


Con este novo desconto, que empezará a aplicarse en 2015, a orde de prezos medios acumula unha rebaixa dun 34% nos últimos tres anos

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe unha nova actualización da Orde de prezos medios para os inmobles urbanos. “En 2015 aplicaremos unha nova diminución do 12% de media na valoración tributaria dos inmobles urbanos e das vivendas en Galicia. Xunto coa diminución do 22% acumulada desde 2012, dá como resultado que a rebaixa acumulada acade xa o 34% nos últimos anos”, aseverou.

Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo explicou que esta actualización afectará á valoración dos inmobles á hora de facer as autoliquidacións do Imposto de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados e tamén do Imposto de Sucesións e Doazóns. Dito doutro xeito, reducirá o custo fiscal que ten para os cidadáns mercar, herdar ou recibir en doazón un inmoble urbano.

“Os impostos que pagan os galegos teñen que ir reducíndose a medida que a economía o permita e sinale efectos positivos”, recordou o mandatario autonómico, ao tempo que recalcou que esta rebaixa na orde de prezos medios “adáptase á realidade de Galicia”.

Desde a implantación deste sistema en 2011, a Consellería de Facenda vén actualizando cada ano os valores medios conforme á evolución do mercado inmobiliario. Segundo Feijóo, con esta actualización “o obxectivo é que a valoración recolla o máis fielmente posible o valor de mercado” dos inmobles e achegue información obxectiva, dando “a seguridade xurídica máxima” ao cidadán.

“Cada cidadán poderá saber perfectamente cal é o valor do seu inmoble desde o punto de vista da Facenda autonómica e autoliquidar por ese valor. Iso significa que a Administración tributaria galega renuncia a facer ningún tipo de comprobación ou liquidación paralela”, afirmou Feijóo. Isto axudará tamén a atallar a fraude fiscal.

Cómpre subliñar que todas as actualizacións de valores realízaas persoal especializado en base a estudos de mercado, e tense en conta tamén o valor que declaran os propios contribuíntes. “Trátase, polo tanto, dun modelo que permite lograr unha maior transparencia e obxectividade nos criterios empregados na valoración dos bens, e garante un tratamento administrativo homoxéneo en todo o territorio, asegurando a equidade no pago de impostos”, aseverou o responsable do Goberno galego.

A efectos prácticos, Feijóo afirmou que será unha actualización que afecta a todos os inmobles urbanos dos 314 concellos galegos e indicou que hoxe se publica no DOG o inicio do prazo de información pública.

Unha nova rebaixa fiscal
O presidente da Xunta recordou tamén como a presión fiscal en Galicia foi reducíndose ao longo desta lexislatura e a pasada, sempre de acordo coa evolución económica: facilitando a adquisición e rehabilitación de vivendas para mozos e familias numerosas, outorgando beneficios fiscais aos proxectos empresariais de nova creación na Lei do Emprendemento e, de cara ao vindeiro ano, decretando “as maiores rebaixas de IRPF para as familias con dous ou máis fillos”. Os descontos na Orde de prezos medios son unha medida máis que incide nesta liña. “Isto totaliza, no ano 2015, unha rebaixa de impostos, taxas e prezos públicos de 321 millóns de euros”, salientou Feijóo.

O titular da Xunta afirmou que esta medida, que serve para que os galegos paguen impostos de acordo coa realidade na que viven; “e nun contexto de caída dos prezos da vivenda, é lóxico que estes prezos medios de referencia para pagar impostos recollan esa evolución á baixa dos últimos anos”, dixo. “Hoxe podemos anunciar unha nova rebaixa de impostos para incentivar o mercado de vivenda, sobre todo o de segunda man, e a actividade económica en Galicia”, concluíu Feijóo.